A Policía Local de Vilagarcía inicia unha nova edición do programa de educación viaria
Por Redacción
A Policía Local de Vilagarcía vén de poñer en marcha unha nova edición do programa de educación viaria dirixida a escolares de todos os centros de primaria do municipio. As sesión están dirixidas ao alumnado de 4º, 5º e 6º curso e abordan aspectos prácticos e que inciden na seguridade dos escolares á hora de actuar como peóns, ciclistas ou tripulantes de vehículos.
Un axente do departamento de educación viaria desprázase aos centros para impartir as sesións cuxos contidos están adaptados tanto ao nivel de entendemento do alumnado como á utilidade práctica no seu día a día.
Por exemplo, para aos estudantes de 4º curso faráselles unha introdución aos valores que deben terse en conta á hora de circular por unha vía pública (responsabilidade, confianza, seguridade…) e explicaráselles as normas que se deben seguir no transporte escolar, tanto no momento da espera, subida ou baixada do autobús, como á hora de ocupar correctamente o asento pu como realizar unha evacuación do vehículo.
Cos alumnos de 5º curso abordarase de forma extensa o papel do peón, xa que a estas idades, os cativos xa empezan a realizar desprazamentos a pé sen ir acompañados de adultos. Por iso coméntaselles como deben circular por vías urbanas e polas non urbanas, explícaselle o significado nas sinais de circulación que afectan aos peóns, como deben comportarse para atravesar vías reguladas con semáforos ou por axentes e naquelas nos que só existe regulación por marcas viarias. Por último, tamén se lles indican as normas a seguir cando se desprazan pola rúa con animais de compañía.
Aos alumnos de 6º curso, ademais de insistir nas normas para os peóns, tamén se lles comentan as que deben cumprir cando montan en bicicleta, como manobrar, incorporarse as vías e como actuar nas glorietas e durante a condución nocturna. Neste curso, o axente tamén abordará o concepto de velocidade e a distancia de detención e seguridade. Por último, lembraránselle as normas de seguridade ao viaxar como tripulantes de coches ou motocicletas: uso do cinto, repousacabezas e casco.