A Academia da Publicidade premia o traballo dunha estudante pontevedresa sobre a Marca España
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51644339bb874-gal1.jpg)
CC BY-NC-SA Universidade de Vigo
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51644361f0f65-gal2.jpg)
CC BY-NC-SA Universidade de Vigo
A tan discutida Marca España serviulle a Trinidad Campos para facerse un oco na Academia de la Publicidad nacional. Esta estudante de Publicidade e Relacións Públicas no campus pontevedrés vén de recibir o Premio Academia Joven 2012, xunto co seu compañeiro da Universidade Complutense, Sergio García.
Co eslogan Spain, inspiration starts here, estes dous mozos publicistas propoñen unha nova imaxe corporativa, un spot televisivo, bocetos de gráficas e novas fórmulas publicitarias como branded content e a colaboración con bloggers así como unha estratexia dixital.
"Comezamos por analizar a situación da Marca España e do país en xeral e, a partir de aí, decidimos que o obxectivo principal da campaña fose aumentar o número de inversións estranxeiras", explica Trinidad Campos.
Para ela, o feito de estar entre os finalistas "foi un gran premio, porque sempre tiven a espiña de participar nun concurso de publicidade". Pero estar un paso máis aló, ser gañadora deste premio "é todo un reto cumprido". Desta vivencia quédase "coa experiencia adquirida ao abordar un produto tan complexo como a Marca España e a satisfacción de facelo ben aportando o meu gran de area como nova publicista".
Ademais da satisfacción persoal e profesional, este galardón supón para os dous gañadores a posibilidade de realizar prácticas profesionais durante seis meses na axencia Tactics Europe, patrocinadora do concurso, así como un premio de 1.500 euros e o nomeamento como membro do Grupo Joven de La Academia de la Publicidad, "que está en construción".