As últimas tendencias en vodas, bautizos e comuñóns, a exposición na feira "Si, quero"
Por Alejandro Espiño
Dinamizar sectores económicos e comerciais relacionados coa organización de eventos e celebracións de todo tipo. Con este obxectivo nace Si, quero, o primeiro salón de eventos, vodas e grandes celebracións de Pontevedra. O Recinto Feiral converterase durante a fin de semana do 20 e 21 de abril nun punto de encontro para todos os profesionais e persoas interesadas nos eventos e as grandes celebracións, con especial atención ás vodas.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, presentou a primeira edición do salón "Si Quero", definido pola responsable municipal como o "pistoletazo de salida" dunha ampla programación feiral que se dará a coñecer nos próximos días. En opinión da concelleira, Pontevedra "es una ciudad con un prestigio y una calidad urbana que, unida a su condición de capital de provincia, la convierte en una sede idónea para una iniciativa de este tipo".
Coa inscrición practicamente pechada, este salón contará coa presenza de 50 empresas que ocuparán uns 2.000 metros cadrados de área expositiva. Carlota Román revelou que pertencen maioritariamente aos sectores da restauración e a hostalería e a fotografía e vídeo. Pero tamén haberá empresas de decoración, organización de eventos, xoiería, perruquería, axencias de viaxes, flores, tocados, animación, xastres e modistas especializados en vestidos de noiva, de festa e traxes masculinos, pastelería, música e transporte en autobús.
"Si Quero" abrirá as súas portas en horario continuo de 11.00 a 20.30 horas. A entrada ten un custo de 1,50 euros. Os dous días de programación inclúen senllos desfiles-exhibicións de roupa de festa e perruquería.
En canto á afluencia de público, Carlota Román preferiu non partir dunha expectativa pechada. "Hacemos una apuesta y esperamos que funcione", significou. "Cuanta más gente mejor, por supuesto, pero al tratarse de una primera edición que echa a andar somos conscientes de que será difícil alcanzar cifras muy grandes". Engadiu que no ano 2005 celebrouse unha feira similar que non tivo continuidade, polo que agarda que, desta volta, se obteñan resultados satisfactorios.
Neste punto, o vicepresidente da Federación Provincial de Hostalería e empresario local, Gustavo Sobral destacou que Pontevedra "merecía una feria como esta". Na provincia existe un certame, xa ben consolidado en Vigo, e outro que naceu o ano pasado en Vilagarcía. Na súa opinión, o éxito desta primeira edición de "Si Quero" estará condicionado á súa capacidade para atraer público de toda a provincia.