Paz Lago presenta o novo local social ás asociacións e colectivos de Vilalonga
Por Oskar Viéitez
A concelleira de educación do Concello de Sanxenxo, Paz Lago, presentou este mércores ás asociacións e colectivos da parroquia de Vilalonga o local que destinará temporalmente aos veciños.
Ante a falta dun centro sociocultural en Vilalonga, o anterior equipo de goberno, puxo en marcha unha serie de xestións que culminaban o pasado mes de setembro coa firma dun contrato nun local cuxo aluguer é asumido polo Concello.
A idea é establecer un calendario de uso para que calquera colectivo da parroquia poida ter á súa disposición este espazo, "sempre cunha orde e organización".
O edificio consta de dependencias independentes, separadas entre si, polo que será factible usar as instalacións de forma simultánea para varias actividades.
NOVO CENTRO SOCIOCULTURAL
Paz Castro lembrou que esta é unha solución provisional, pois a idea é dotar a Vilalonga dun gran centro sociocultural, cunhas instalacións "acordes ás necesidades dos colectivos".
Por este motivo, o goberno presentou na convocatoria de axudas da Deputación de Pontevedra, o proxecto de construción do novo centro sociocultural de Vilalonga. Esta liña de subvencións da Deputación está destinada á mellora dos equipamentos, servizos ou dotacións singulares dos municipios da provincia con menos de 20.000 habitantes, e de concederse, supoñería que o organismo provincial achegaría o 80% do seu custo.