O PP critica o trato "discriminatorio" cara aos funcionarios da Deputación co aumento da contratación de asistencias técnicas
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, criticou o elevado número de asistencias técnicas que contrata a Deputación de Pontevedra o que, ao seu xuízo, supón un trato "discriminatorio" cara aos funcionarios da administración provincial. Para o próximo pleno os populares presentarán unha moción que "é triste pero é importantísima" na que instarán o goberno provincial a que se limiten esas contratacións que supoñen unha "privatización".
"Nunca antes ocorrera", sinalou Moldes, que a Deputación tivese que alugar locais "para poder acoller á cantidade de xente das asistencias privadas que se contratan".
Nunha rolda de prensa celebrada este mércores os populares achegaron datos do ano 2015, último mandato do PP na Deputación, para sinalar que entón o goberno de Rafael Louzán executou un orzamento de 40 millóns de euros e contratou 60 asistencias técnicas, mentres que en 2016, co goberno bipartito do PSOE e BNG á fronte, executáronse 15 millóns e contratáronse 54 asistencias.
Para Ángel Moldes as asistencias do PP foron "en positivo" xa que estaban destinadas a "mellorar o día a día dos veciños da provincia" mentres que as que contratou o goberno que preside Carmela Silva son "para facer informes a medida para paralizar proxectos" e citou os casos da Rolda Este de Pontevedra, a Variante de Rebón en Moraña, a estrada entre Xesteiras e Almofrei en Cerdedo-Cotobade ou a estrada de Baión en Vilanova de Arousa.
"Cada vez peor, a Deputación máis privatizada, o que antes criticaban agora multiplícano", indicou o portavoz do PP provincial.
Finalmente Ángel Moldes pediu á presidenta da adminsitración provincial, Carmela Silva, "que se deixe de confrontacións cos funcionarios e dese trato que mesmo é discriminatorio" e fixo un chamamento "para que non sigan desprestixiando o labor destes funcionarios" ao retirarlles a súa carga de traballo. Neste sentido, o PP trasladou o seu apoio e recoñecemento a estes traballadores públicos "para nós facían un traballo sorprendente".
"Sabemos que os funcionarios están molestos porque están suplantando o seu labor", dixo Ángel Moldes. "O único que están a facer desde que chegaron á Deputación é privatizar", concluíu o portavoz do PP.