Aberta toda a área de Medicina Interna III do Hospital Provincial
Por Redacción
Na tarde deste luns 23 abríase a totalidade do servizo de Medicina Interna III do Hospital Provincial de Pontevedra. A área sanitaria atopábase pechada a pesar de que a xerencia dos hospitais públicos da cidade comprometeuse a abrila o 1 de outubro, segundo denuncia o colectivo de traballadores dos centros sanitarios, Prosagal.
Tras as demandas de Prosagal, hai unha semana abríase unha das ás deste departamento e nas últimas horas producíase a reapertura de todo o servizo.
Segundo o colectivo Prosagal, con esta decisión os traballadores recuperan o seu dereito laboral a non rotar cada día por outras unidades sanitarias e ademais se evita que os usuarios ao ser ingresados sexan trasladados a outros departamentos. Con esta medida, as representantes sindicais entenden que se axuda a desconxestionar o servizo de Urxencias.