A nova planta de Cerceda permitirá a Sogama tratar en 2019 un millón de toneladas de residuos urbanos
Por Redacción
O complexo medioambiental de Sogama en Cerceda tratará en 2019 un millón de toneladas de residuos urbanos como resultado das obras de ampliación que comezaron este martes e consistirán na construción dunha nova planta para a recuperación dos envases contidos no lixo en masa e na remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, indicou que as obras no complexo medio ambiental teñen un orzamento de máis de 29 millóns de euros e, ao seu termo, Sogama pasará a tratar un millón de toneladas, incrementando nun 81% a súa capacidade ou o que é o mesmo, tratará en condicións óptimas todos os residuos urbanos producidos en Galicia.
As obras consistirán na construción dunha nova planta para a recuperación dos envases contidos no lixo en masa e na remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
A nova Sogama contribuirá ao reciclado e a aumentar as cifras de clasificación de envases recollidos a través dos contedores amarelos, para a súa posterior recuperación, que desde 1999 se elevan a 284.000 toneladas; aos que hai que engadir os recuperados na bolsa negra (material susceptible de ser reciclado e que non foi seleccionado polo cidadán) que suman 164.000 toneladas. Prevese a remisión de 120.000 toneladas de materiais aos centros de reciclaxe, catro veces máis do que se envía na actualidade.
Coa nova planta darase resposta ao obxectivo da Unión Europea para o conxunto dos estados membros fixado para o horizonte do ano 2020: acadar unha cota de reciclaxe do 50%.