Condenan a dous anos a un home por apropiación indebida na compra dun vehículo
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra vén de condenar a dous anos de prisión a F.F.G. un home acusado de enganar a outro na operación de compra dun vehículo.
O xuízo resolveuse mediante un acordo de conformidade entre as partes en virtude do cal o acusado recoñeceu apropiarse indebidamente do diñeiro a cambio dunha rebaixa na petición de condena por parte da Fiscalía que inicialmente solicitaba dous anos e tres meses de cárcere.
O acusado terá que indemnizar á vítima con 40.000 euros a pagar en catro prazos de 10.000 euros cada un. A condena de prisión queda condicionada ao pago desta indemnización.
Despois deste acordo decláranse feitos probados que o procesado concertou un préstamo a nome dun terceiro para comprarlle un vehículo, apoderándose do diñeiro entregado e dun coche usado a pesar de non efectuar nunca a compra do vehículo novo.