Uxío Benítez presenta os plans da Deputación no Congreso Iberoamericano de Seguridad Vial
Por Oskar Viéitez
O Plan Móvese, o calmado do tráfico ou as políticas da Deputación de Pontevedra para evitar a violencia viaria nas vías provinciais foron explicadas este martes en Sevilla polo deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, na súa participación no II Congreso Iberoamericano de Seguridad Vial INTER CISEV.
O nacionalista asegurou que os países que acadaron reducir o número de mortes nas estradas conseguírono "dando prioridade á seguridade na xestión da velocidade", e lembrou que nos impactos nove de cada dez persoas sobrevive cando os vehículos circulan a 30 quilómetros hora, mentres que case ninguén o fai se a velocidade máxima sube a 60 quilómetros hora.
Benítez falou da realidade galega, en concreto da franxa atlántica, e destacou que o territorio en Galicia fai especialmente vulnerable á veciñanza polo continuo de núcleos de poboación. "Pontevedra é unha das dez provincias máis caras para contratar un seguro de coche, e iso é debido á súa sinistralidade. Había que actuar dende a Deputación, polo menos nas vías da nosa titularidade", dixo, xa que o "compromiso e actuación das administracións e dos tomadores de decisións é fundamental na adopción de medidas".
O deputado explicou que a institución provincial ten como obxectivo estratéxico a seguranza viaria e desenvolveu o Plan Móvese para limitar a velocidade máxima con redutores de velocidade e pasos de peón sobreelevados. "É a única maneira efectiva de baixar a velocidade", asegurou. Neste sentido, lembrou que está en marcha un investimento de case catro millóns de euros en preto de 600 elementos de calmado de tráfico.
A presentación de Benítez en Sevilla foi acollida con grande expectativa por parte das autoridades internacionais participantes, que aseguraron "tomar nota" e valoraron positivamente a iniciativa, incluso falando da posibilidade de exportar o traballo a outros territorios. De feito, quedou sobre a mesa a posibilidade de que o plan provincial se presente no próximo congreso americano.
Pola súa banda, o deputado manifestou a súa satisfacción por ter participado no congreso INTER CISEV, onde puido comprobar que todos os países presentes nas xornadas, "incluso os menos desenvolvidos que o noso, fan da seguranza viaria unha aposta política estratéxica".