Rueda asegura que Galicia vai estar atenta ao desenlace da situación en Cataluña
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "por suposto" Galicia vai estar atenta ao desenlace da situación en Cataluña "respecto das consecuencias que poida ter aquí". "Faltaría máis", engadiu Alfonso Rueda nunha comparecencia ante a prensa en Pontevedra.
Alfonso Rueda asegurou que "somos os primeiros en defender que Galicia ten que recibir aquilo que lle corresponde, non contra ninguén, pero desde logo non a favor de ninguén para sacarllo a Galicia. Iso témolo claro".
O número dous do executivo galego insistiu en que "se de algo podemos presumir en Galicia" é da "estabilidade" que contrapuxo "ao que estamos a observar que sucede en Cataluña". Por iso, Rueda apuntou que "non se entende moi ben que algúns traten de trasladar a inestabilidade da situación que se está dando en Cataluña a Galicia".
Neste sentido o vicepresidente referiuse ao Debate sobre o Estado da Autonomía de Galicia que terá lugar esta semana para sinalar que "a estabilidade", o que permite é falar mañá "do feito xa nestes anos de goberno", e tamén "do que se quere facer cando os orzamentos que se están elaborando e que se aprobarán pouco tempo despois do debate". Segundo Rueda "polo menos diso vai falar o presidente da Xunta de Galicia".
O vicepresidente espera que neste debate os demais partidos con representación parlamentaria "fagan oposición, por suposto, pero construtiva" xa que "non lle interesa á inmensa maioría de Galicia tentar trasladar modelos de desestabilización e situacións como a que estamos a ver en Cataluña que desde logo a Galicia non lle interesan en absoluto nin é o sentir maioritario da sociedade galega".
Relacionadas:
-
O PP traslada o seu apoio e respaldo á Policía Nacional e á Garda Civil
Por Redacción |
-
Arredor de 200 persoas amosan o apoio ao pobo catalán nunha concentración de protesta
Por Anxo Lourido |
-
Convocan unha concentración de apoio ao pobo catalán na Subdelegación do Goberno
Por Redacción |
-
O referendo de Cataluña tamén divide aos pontevedreses
Por Oskar Viéitez |
-
Apoio policial desde Pontevedra aos axentes das forzas de seguridade en Cataluña
Por Redacción |
-
Pontevedra tamén achega gardas civís para o dispositivo do referendo en Cataluña
Por Natalia Puga | Creada e actualizada