Isidoro atopou a Kren
Por Natalia Puga
"Pola zona de Barrantes aparecen sempre moitos cans soltos e esta tarde o señor dunha causa chamounos para decirnos que lle entrara un can na leira e pedirnos se podíamos ir a recollelo. Cando chegamos, era o can famoso". A historia relátaa Isidoro Solla, voluntario da Agrupación de Protección Civil de Ribadumia.
Aconteceu entre as 17.15 e as 17.0 horas deste xoves nun alpendre de Couto de Arriba, en Ribadumia. Isidoro Solla non o sabía naquel momento, pero localizara a Kren, o can cunha enfermidade incurable de ósos desaparecido o 25 de marzo de Sisán e que dende entón deixou unha ondada de chamadas e solidariedade na localidade e no Refuxio de Animais de Cambados.
Kren fíxose tan famoso porque os seus propietarios (unha parella formada por unha veciña de Ribadumia e un madrileño) ofreceron unha recompensa de 2.000 euros á persoa que o localizara. Á súa mascota quédalle pouco tempo de vida e non querian que o pasase desaparecido e sen os coidados da súa familia.
Cando Isidoro Solla acudiu á chamada do veciño de Ribadumia non sabía que se ía encontrar a Kren, pero ao chegar localizouno escondido tras un tractor nun alpendre. Estaba "moi débil e en mal estado", pero recoñeceuno e púxose en contacto co Refuxio de Animais de Cambados, que o recolleu e o trasladou ás súas instalacións.
"Kren ya está en el Refugio. A pesar de su estado delicado de salud, no reviste gravedad. Tiene quemaduras en el pelo del lado derecho de su cabeza que le pudo haber afectado a un ojo. Tiene el pelo del rabo quemado, no provocandole heridas de carácter grave", relatan os responsables da protectora no seu perfil de Facebook.
O seu salvador, Isidoro Solla, sabe que hai unha recompensa, pero este xoves aínda descoñecía se a recibiría ou que faría con ela. "Teño que estar co dono do can e xa saberei algo. Supoño que será mañá, pero non sei a hora. Cando se enterou puxo camiño dende Madrid e agora está de viaxe", relatou ao pouco de atopar ao can máis buscado da comarca.