Pontevedra tamén achega gardas civís para o dispositivo do referendo en Cataluña
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Comandancia da Garda Civil de Pontevedra tamén achega efectivos ao dipositivo especial de seguridade establecido polo Ministerio do Interior con motivo da posible celebración do referendo do próximo domingo 1 de outubro en Cataluña.
O Ministerio do Interior mobilizou a ao redor de 600 axentes especiais da Garda Civil e 700 antidisturbios como reforzos policiais para "a vixilancia do espazo público e mantemento da orde" ante a convocatoria da consulta, convocada pola Generalitat e suspendida preventivamente polo Tribunal Constitucional.
Deles, máis dunha vintena partiron este martes da Comandancia de Pontevedra e pola tarde xa alcanzaran o seu destino en Cataluña (na foto, o momento en que chegaron ao límite coa comunidade autonóma). Trátase de axentes destinados fundamentalmente á Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia (USECIC).
Non son os primeiros efectivos pontevedreseses que se atopan xa en Cataluña con motivo do referendo. A pasada semana, desprazáronse un centenar de axentes do Grupo de Reserva e Seguridade da Garda Civil (GRS). A maioría deles partiron directamente da súa sede en Castro Senín, na parroquia de Mourente, e unha vintena pertencen a este grupo, pero atopábanse na actualidade realizando servizos noutras partes do territorio español.
ACTO EN APOIO Á POLICÍA E GARDA CIVIL
"Ante os acontecementos que se están producindo en Cataluña e a fustrigación sufrida polas forzas e corpos de seguridade" os sindicatos SUP, CEP, UFP e SPP convocaron un "acto en apoio ás forzas e corpos de seguridade, a Constitución e a legalidade".
Será o vindeiro xoves dia 28 ás doce do mediodía na porta da Comisaría de Pontevedra, e convidan a asistir a todos aqueles cidadáns que lles queiran acompañar.
Desde os sindicatos policiais representativos queren deixar patente o seu apoio a todos os seus compañeiros que veñen desenvolvendo a súa actividade laboral nesa comunidade autónoma e a quen está actualmente desprazados "co obxectivo de garantir a seguridade e a convivencia pacífica entre os cidadáns".
"Ante os sucesos que poidan producirse", estas catro organizacións sindicais, en unidade de acción, "queremos expresar o noso desexo dunha solución pacífica e democrática tanto o día 1 de outubro, como os seguintes e que se restableza a concordia e a convivencia nesa comunidade autónoma e co conxunto de España".