Ponte Caldelas oferta transporte escolar gratuíto á piscina
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Ponte Caldelas ofertará un transporte gratuíto en autobús ata o complexo deportivo Rías do Sur. O prazo de inscrición para as 50 prazas dispoñibles está aberto dende hoxe e manterase ata o próximo mércores, día 27.
A idea xurdiu como fórmula para solucionar os problemas de moitas nais e pais para levar aos seus fillos ata Pontevedra
As familias beneficiarias deben inscribirse no Concello para acceder ao transporte municipal gratuíto e xa só terán que pagar á empresa concesionaria de Rías do Sur o custo do abono trimestral á piscina, que é de 30,03 euros.
A actividade, que está reservada para familias empadroadas en Ponte Caldelas, desenvolverase todos os martes ás 17.15 horas, que é o horario concedido polo centro deportivo ao Concello.
O alcalde, Andrés Díaz, subliña que no futuro se pretende que nais e pais voluntarios acompañen aos rapaces á piscina, aínda que, inicialmente, o Concello proporcionará servizo de acompañamento no autobús para garantir a posta en marcha da iniciativa con total normalidade.