Aprender inglés cando a economía non acompaña
Cinco alumnos de primaria e secundaria poderán acceder a unha bolsa de estudos para aprender inglés. Baixo o nome Bolsas Ence Idiomas, esta próxima semana ábrese a convocatoria para un proxecto educativo que pretende que ningún neno perda a oportunidade de mellorar as súas competencias en inglés debido á súa situación económica.
O Instituto Interculturas da cidade de Pontevedra será o encargado de xestionar estas bolsas, que nacen grazas á axuda do I Plan Social de Ence, no apartado de apoio a Proxectos de Educación e Cultura. Co seu director, Pablo Crespo Nogueiras, falamos deste proxecto e o que supón para aqueles nenos que non poden acceder a unha clase extraescolar de inglés por motivos económicos.
Pode explicarnos en que consisten as Bolsas Ence Idiomas?
- As bolsas consisten en achegar desde unha idade moi temperá aos nenos ao inglés (...) O que está a facer Ence é apoiar unha inciativa de educación a través de poder dar acceso a nenos que poderían ter dificultades á hora de inscribirse neste tipo de actividades e as bolsas permitiranlle acceder gratuitamente a un servizo deste tipo.
Serán un total de 5 bolsas con clases entre o próximo mes de outubro e xuño de 2018, cales son os requisitos para acceder ás mesmas?
- Vai dirixido a nenos e nenas entre 8 e 14 anos. O requisito básico para acceder a estas bolsas é estar empadroado en Marín, Poio ou Pontevedra. Despois haberá uns requisitos para baremar cales serán as persoas que obteñan as bolsas. Son requisitos económicos e de situación familiar.
Notaron nos últimos tempos que hai nenos que por circunstancias económicas teñen que abandonar as clases?
- Claramente si. Aínda que non o caso de nenos que tivesen que abandonar as clases senón máis ben xente que non entrou no centro por unha cuestión exclusivamente económica. É dicir, pais que viñeron, infórmanse e din "isto é o que eu quero pero non podo pagar esta cantidade ao mes polo neno" ou "teño dous fillos e non podo" ou mesmo tendo un só fillo. A realidade é que para moitas familias non é posible pagar a cota dunha extraescolar deste tipo.
Por que bolsas para cursar inglés e non outro idioma?
- A razón principal é que o inglés é a lingua vehicular a nivel internacional a día de hoxe. Nós ensinamos outros idiomas, pero no caso das Bolsas Ence Idiomas decidiuse que sexa o idioma inglés porque é a lingua máis estendida a nivel internacional e tamén a que están a estudar no colexio, co cal, esta aprendizaxe reforza os obxectivos académicos do alumno tamén.
As Bolsas Ence Idiomas non só van dotar aos alumnos de coñecementos sobre a lingua inglesa, que beneficios extra van lograr estes alumnos?
Os idiomas son unha porta ao coñecemento e, cando un ensina inglés, pode ao mesmo tempo ensinar outras moitas cousas (...) Por exemplo, cando un ensina cousas de Londres, vaise moito máis alá da historia e ensínanse cousas que os nenos non sabían dos seus propios contidos do colexio. (...) Cóntoche tamén o caso dunhas xornadas que fixemos onde os nenos tiñan que elixir entre distintos tipos de té. Poñíaselles té e eles tiñan que cheiralo e distinguir cal era cal. Moitos nenos non sabían que había tantísimas variedades de té, non sabían cales eran as orixes do té, non sabían que hai tés que veñen da India, de Paquistán, de China... Con este tipo de actividades, como é algo que lles incita desde o punto de vista da diversión e a curiosidade, xéranselles as ganas de aprender outras cousas.
Para máis información sobre as Bolsas Ence Idiomas pódese acudir á sede do Instituto Interculturas na rúa Eduardo Pondal, 72, de Pontevedra, ou a través da súa páxina web: www.institutointerculturas.com.
Relacionadas:
-
Ence aposta pola educación dos menores en situación de vulnerabilidade
Por Noticia patrocinada |
-
A pasta de papel chega ás aulas
Por Noticia patrocinada |
-
Conta atrás para a Semana da Ciencia
Por Noticia patrocinada |
-
Día de Colón para lembrar
Por Noticia patrocinada |
-
O "horto terapéutico" chega a Pontevedra
Por Noticia patrocinada |
-
Educación e cultura nun novo acto de repartición de axudas do plan social de Ence
Por Redacción |