As tropas de Napoleón volven a Forzáns
Por Redacción
Os veciños da parroquia de Forzáns, en Ponte Caldelas, homenaxearon a Francisco Oubiña e aos homes e mulleres das Alarmas do Alto Verdugo co descubrimento dunha placa no torreiro das festas conmemorativa da xesta protagonizada no ano 1809, cando impediron que as tropas de Napoleón atravesaran o río Verdugo para sorprender polas costas aos exércitos españois que combatían en Ponte Sampaio.
A homenaxe consistiu na colocación dunha placa conmemorativa da xesta, personalizada en Francisco Oubiña, señor do Pazo do Coto de Forzáns, e no depósito dun ramo de flores en lembranza dos combatentes naquela batalla que se viña rememorando en Ponte Caldelas como preámbulo das Festas dos Dores.
A actividade festiva foi completada cunha exhibición de aves rapaces onde os asistentes puderon deleitarse coas acrobacias de mouchos, aguias, falcóns, etc. que fixeron as delicias de novos e maiores nunha xornada marcada pola presencia de continuos chaparróns que fixo que o mercadillo artesán tivera que mudar de emprazamento e acubillarse no Centro Cultural de Forzáns para evitar que as intensas choivas danaran as mercadorías realizadas polos artesáns participantes.
Tamén foi representada, como é tradicional en Forzáns, unha obra de teatro de humor e para tódolos públicos, nesta ocasión a cargo dun grupo de Vilanova de Arousa que puxo en escea a obra "Primeiras Citas".
A xornada festiva veu precedida dunha mexillonada popular e do apreixamento e axustizamento de Don Franchute, un boneco ataviado con roupas de xeneral napoleónico que é paseado nunha andia e nunha silla de madeira por todo o pobo en procesión nocturna acompañado, neste ocasión, polas charangas OT e Os Encerellados. Despois dun xuizo sumarísimo e tras lerlle os cargos de acusación de tódolos males padecidos na parroquia durante o último ano, o veredicto inapelable de culpabilidade é executado de inmediato: despréndeselle a cabeza e o seu corpo arde pasto das chamas no centro do torreiro das festas mentras os presentes bailan ao seu arredor ao ritmo das comparsas.
Estas actividades, que tiveron lugar coincidindo coas Festas da Caridade de Forzáns remataron o domingo coa habitual procesión e un concerto a cargo da Banda da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, que amenizou a sesión vermú moi concurrida como é tradicional nesta parroquia de Ponte Caldelas.