O arquitecto Gallego Jorreto: "Cando veño agora a Pontevedra atópome máis a gusto que antes"
Por Anxo Lourido
Manuel Gallego Jorreto comezou a súa vida profesional no estudo do pontevedrés Alejandro de la Sota, durante a súa carreira profesional obtivo a Medalla Castelao, a Medalla de Ouro da Arquitectura e o Premio Nacional de Arquitectura. Na súa visita a Pontevedra para participar na Semana Galega de Filosofía gabou a reforma urbana da cidade: "Hai diferenza de cando viña antes a cando veño agora. Hoxe me atopo máis a gusto. Preguntei á xente, a amigos e todos se sinten máis a gusto agora". Afirma que o modelo da cidade do Lérez sería posible trasladalo non só a outras cidades galegas senón que, apunta, a peatonalización estase a aplicar en cidades de todo o mundo con éxito.
Durante a súa intervención na Semana Galega de Filosofía analizou a relación entre a memoria e a arquitectura. Desta forma comentou varias das súas obras, entre elas a do Complexo presidencial da Xunta de Galicia en Monte Pío e atreveuse a pronunciarse sobre a paralización das obras do proxecto da Cidade da Cultura: "había que paralizalo porque mentres hai alguén que non come facer o Gaiás resulta unha cousa sorprendente". E engadiu "nunca tivemos unha información clara. Nunca souben se restaba capacidade para atender a cultura do país ou se sobraba. Nunca se soubo o que ía custar. ÿ un tema que hai que tomar con certa cautela porque tamén vai custar un disparate paralo pero supoño que o terán ben pensado, non?".
Manuel Rivas e Garzón
O escritor Manuel Rivas pechou a sesión do martes recordando que "somos ou que lembramos. Pero tamén o que esquecemos". Durante a quenda de preguntas, o xornalista coruñés referiuse á figura do xuíz Baltasar Garzón e citou o personaxe de Zabalita na novela Conversación en La Catedral de Mario Vargas Llosa cando se preguntaba: ¿En qué momento se jodió el Perú?.
Rivas indicou "para min, España fodeuse na época contemporánea non momento en que Garzón foi expulsado da carreira xudicial. El sería quen de poder imputar á infanta Cristina ou de evitar que un multimillonario como Bárcenas estea ríndose de todos nós polos aeroportos... " As súas palabras arrancaron os aplausos dos asistentes ao Teatro Principal que non chegou a encherse ante a presenza do autor de O lapis do carpinteiro e de Todo é silencio.
Na xornada deste mércores intervirá o psicólogo Manuel Fernández Blanco pola mañá. A partir das cinco da tarde, a relatora será a profesora Aurora Marco e a maxistrada Manuela Carmena, cofundadora de Xuíces para a Democracia, pechará ás oito do serán as sesións do terceiro día da Semana.