Nace o Premio á Innovación Forestal para mellorar a eficacia e produtividade deste sector
Por Redacción
Tres institucións uniron as súas forzas para poñer en marcha o Premio de Innovación Forestal. A Xunta de Galicia, a Zona Franca de Vigo e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, a través da súa mesa forestal na que se atopa a empresa Ence, implicáronse para crear este premio coa idea de fomentar a eficacia e produtividade do bosque da provincia e de Galicia.
Este venres, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; a delegada da Zona Franca, Teresa Pedrosa e o vicepresidente da Cámara, Eduardo Barros, presentaban esta convocatoria que conta cun primeiro premio de 5.000 euros e un accésit de 2.000.
O gañador poderá acceder a un espazo coworking da Zona Franca en Porto do Molle, en Nigrán, ademais de contar co financimiento de XesGalicia.
O conselleiro lembrou a importancia que o sector forestal ten en Galicia ao indicar que a facturación se sitúa sobre os 2.000 millóns de euros, con actividade de 3.000 empresas e a creación de 70.000 empregos en toda a comunidade. Precisamente, desde a Xunta vai crear a Axencia Galega da Industria Forestal co obxectivo de modernizar, comercializar e facer máis internacional o valor dos produtos forestais de Galicia. Ademais, Conde destacou que se quere fomentar o emprego de calidade a través da incorporación de persoal cualificado.
Pola súa banda, Eduardo Barros indicou que os interesados en participar neste premio poden presentar as súas propostas ata o 16 de outubro en calquera das oficinas da Cámara de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía.