UGT ameaza con protestas se seguen os despedimentos na empresa de limpeza de Sanxenxo
Por Anxo Lourido
A mediados de febreiro de 2012, o concello de Sanxenxo adxudicaba á empresa Ascán a limpeza viaria e a recollida de residuos. Foi a única que se presentou ao concurso e rebaixou en 60.240 euros o prezo inicial establecido no concurso establecido en 1,2 millóns de euros anuais.
Agora o sindicato UGT denuncia que se están a incumprir as condicións impostas nesa adxudicación. O equipo inicial era de 25 traballadores e pasouse a 21 en marzo deste ano. A través de baixas por xubilación, non renovacións e despedimentos disciplinarios, a empresa está a rebaixar o número de empregados e ao mesmo tempo, segundo denuncian os responsables do sindicato, prexudicando ao servizo de limpeza da vila.
Juan Carlos Corredoira, responsable do sector de limpeza en UGT, sinala que con estes despedimentos estase a acometer un ERE encuberto e reclama que dende o goberno local se obrigue a empresa a cumprir co establecido no prego de condicións da adxudicación.
UGT ameaza con iniciar protestas nas próximas semanas no caso de que continúen os despedimentos.
Pola súa banda, o concelleiro responsable José Luis Rodríguez asegura que se está a cumprir o prego de condicións como así se desprende das comprobacións periódicas realizadas polos técnicos municipais. Rodríguez indica que a concesionaria subrogou o persoal contratado pola anterior adxudicataria, equipo, que se incrementa ademais en períodos vacacionais como Semana Santa ou verán para atender correctamente as necesidades que se xeran nesas datas co aumento de poboación no municipio.
O concelleiro indica que a empresa Ascan conta tan só cunha persoa menos contratada que despois de facerse cargo do persoal da anterior empresa. O edil delegado desta área apunta que "dende o Concello de Sanxenxo non entramos a valorar as causas do despedimento pero si debemos dicir que nos gustaría que a plantilla aumentase e de feito agardamos que ao cabo do ano se reflicta un saldo positivo respecto a outros exercizos".