Cuntis celebrará a primeira "Revolta do Umia"
Por Redacción
A Asociación Xuvenil Río Gallo organiza por vez primeira o vindeiro sábado día 9 de setembro o festival "Revolta do Umia" na que o río será o gran protagonista.
A programación inclúe o sábado día 9 unha andaina que sairá ás 11 da mañá desde Vilar de Mato para visitar os petróglifos de Cequeril, a igrexa parroquial de Santa María, Ponte dos Ramos e os tres muíños.
Haberá tamén xogos populares como o Ponte Mono, que consiste en atravesar o río camiñando sobre unha corda que o atravesa de lado a lado, ou a Torre de Pisa, no que os participantes tendran que manterse en pé sobre unha columna á que irán engadindo caixas.
O grupo Tanxugueiras animará a hora do vermú antes da comida campestre en Vilar de Mato a base de petiscos variados, churrasco mixto, sobremesa, café e bebida por un prezo de 18 euros.
Xa pola tarde chegarán o taller de maquillaxe e tatuaxe e os concertos dos grupos Hai que roelo, Agrupación de Música tradicional de Cuntis, Os Farreiros, Abóbriga e Noite Fechada.
A organización dispuxo autobuses gratuítos para ir á festa desde o pavillón municipal de Cuntis con saída ás 10.30 horas, 12 horas, 13 horas e, pola tarde, ás 17 e ás 18:30. Tamén haberá un servizo de autocares para regresar a Cuntis.