Para costa, a de setembro: a volta ao cole custará un mínimo de 666 euros por neno
Por Redacción
A costa de setembro faise dura e non só porque supón o fin das vacacións de verán. Unha enquisa da Federación Provincial de Comercio de Pontevedra revela que este ano o gasto medio da volta ao cole sitúase en 666,61 euros nos colexios públicos, 920,23 nos concertados e 1.288.40 se o centro é privado.
O gasto estimado inclúe libros de texto, material escolar, mochilas, roupa e calzado e servizos como o comedor e o transporte. A cifra pode reducirse se os nenos benefícianse das axudas para libros de texto e material escolar.
Segundo os datos facilitados pola Federación Provincial de Comercio, a expectativa do gasto expresada polos enquisados indica que se producirá un crecemento ao redor dunha media do 6% con respecto ao comezo do curso escolar 2016-2017.
O gasto medio previsto estimado por fillo inclúe unha media de 244,22 euros en libros de texto, 92,81 en material escolar e 21,12 en mochilas. Os gastos de comedor e transporte varían en función o tipo de centro. Nos públicos, a media é de 98,54 euros en comedor e 53,52 en transporte escolar. Nos privados as cifras soben a 139,08 e 87 e nos privados alcanzan os 157,55 e 121,64 euros, respectivamente.
Nos centros privados hai que ter en conta tamén o custo da matrícula, que sería duns 315,06 euros, aos que habería que sumar mensualidades medias de 428,48.euros.
Nos centros privados e concertados hai que ter en conta tamén o gasto en uniformes (incluído chándal), que rolda os 336 euros. Nos centros públicos, co novo curso faise necesario igualmente comprar roupa e calzado, cunha previsión media de gasto de 156,40 euros.
A estas cantidades habería que unirlle os gastos en actividades extraescolares, deportivas e de lecer ás que acoden a maioría dos nenos que poden supoñer 149,66 euros ao mes en colexios públicos, 191,47 euros en centros concertados e 625,35 euros en privados.
Os datos obtivéronse entre os días 4 ao 18 de agosto a través de 2.000 enquisas a pé de rúa en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e 35 concellos de máis de 3.000 habitantes da provincia de Pontevedra, sendo os enquisados cidadáns con fillos en idade escolar: 1.000 persoas que levan aos seus fillos a centros públicos, 600 de concertados e 400 de privados.