Os xulgados de Cambados contarán cunha sala para vítimas de violencia de xénero
Por Redacción
Os xulgados de Cambados poderían contar proximamente, como xa sucedeu tamén nos xulgados de Marín, cunha sala illada para as vítimas de violencia de xénero. No caso do edificio cambadés, esta estancia estaría situada xunto á sala de vistas número 3. "Esta petición será estudada pola Consellería de Presidencia, xa que hai que avaliar tanto a súa viabilidade económica como técnica", explicou o xefe territorial de Presidencia en Pontevedra, Ramón Pereiro, que visitou o edificio xudicial para coñecer a súa situación actual e a dos funcionarios que traballan nos tres xulgados situados no mesmo.
Además, Ramón Pereiro anunciou que o goberno galego dará solución "a un dos problemas máis habituais que é o da falta de espazo para os arquivos dos xulgados, unha demanda que xa se nos prantexou en Marín, Vilagarcía e Caldas de Reis". No caso de Cambados, a necesidade podería quedar cuberta polo momento coa instalación de varias estanterías máis na actual sala de arquivo, "pero o certo é que o mellor sería ir liberándoo". Deste xeito, recordou que, nestes intres, a Xunta iniciou os trámites para a transferencia de documentación xudicial a través da orde do 4 de setembro de 2012 publicada no DOG e que ten como fin tamén liberar o espazo dos arquivos trasladando os máis antigos.
Ademais, dende a Xefatura Territorial de Presidencia en Pontevedra xa se deron instrucións á secretaria xudicial para que informe ao Servizo de Xustiza da necesidade de eliminar pezas de convición de cara a conseguir máis espazo. "O obxectivo é conseguir o permiso para a destrución de pezas de convición, é dicir, pezas probatorias, que xa foron utilizadas para diversos xuízos e que agora están a ocupar un espazo que se pode destinar a arquivo", explicou Pereiro.
A maiores, o xefe territorial de Presidencia en Pontevedra destacou o bo funcionamento que están tendo nestes xulgados os novos equipos informáticos enviados recentemente dende a Secretaría Xeral de Modernización. "De feito, o secretario do decanato destacou a falta de problemas na actualidade tanto en relación ás novas tecnoloxías como as necesidades de persoal ou de medios materiais", engadiu Ramón Pereiro.
Nos catro xulgados de Cambados traballan 34 funcionarios así como tres fiscais, xa que no edificio se atopa tamén fisicamente unha sección territorial da Fiscalía.