Tratamento "inmediato" para o carballo de Santa Margarida
Por Diego Espiño
O Concello de Pontevedra e a Deputación, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, traballarán conxuntamente e "de maneira inmediata" para mellorar o estado do carballo de Santa Margarida, co obxectivo de que non se repitan episodios como o de semanas atrás cando se desprendeu unha póla de 200 quilos de peso.
Así o anunciaron o concelleiro Alberto Oubiña e a deputada Eva Villaverde tras visitar este xoves a centenaria árbore xunto a técnicos do Areeiro, quenes detallaron os pasos para seguir.
Unha vez conseguida a autorización da Xunta, que protexe o carballo ao estar catalogado como árbore singular de Galicia, e o Arcebispado de Santiago como propietario dos terreos, os técnicos esperan iniciar o tratamento pertinente "a vindeira semana", recoñeceu Alberto Oubiña.
Nunha primeira fase, a actuación consistirá na poda dalgunhas pequenas pólas en mal estado que achegan demasiado peso á estrutura da árbore, ademais de aplicar un tratamento contra os insectos que debilitan ao histórico exemplar.
O plan é tamén reforzar algunhas das pólas e mesmo ir corrixindo o equilibrio do carballo, que segue crecendo cara á estrada. Para todo iso "agardamos contar co beneplácito da Xunta e da institución eclesiástica para continuar un traballo ano a ano de mantemento", explicou o edil pontevedrés.
Estas son as actuacións urxentes marcadas no informe do Areeiro, pero non serán as únicas, xa que a intención despois será perforar con pequenos buracos a capa asfáltica que rodea a árbore para facilitar que se nutra a través das súas raíces.
"É fundamental facer un traballo conxunto para salvar o carballo", recalcou Eva Villaverde, para protexer un ben cultural pero tamén para evitar riscos pola caída de pólas, algo que en todo caso é imposible garantir completamente nun exemplar de tan avanzada idade.
Relacionadas:
-
Continúan os coidados intensivos para o carballo de Santa Margarida
Por Alejandro Espiño |
-
O carballo de Santa Margarida, candidato español a Árbore Europea do Ano
Por Alejandro Espiño |
-
Furan o asfalto para osixenar o carballo de Santa Margarida
Por Redacción |
-
O Concello coordinará coa Xunta unha actuación urxente no carballo de Santa Margarida
Por Redacción |
-
Os comuneiros de Mourente propoñen crear un padroado en defensa do carballo de Santa Margarida
Por Natalia Puga |
-
Marea pide un plan urxente de protección do carballo de Santa Margarida ante o último "dramático berro de auxilio"
Por Redacción |
-
O carballo de Santa Margarida perde unha póla de 200 quilos
Por Oskar Viéitez |