A Escola de Cantería busca o próximo Mestre Mateo
A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra anuncia que o prazo de preinscrición para o curso 2017-2018 entra na súa recta final. Ata o 15 de setembro está aberto o prazo de preinscripción para cursar estudos nun oficio, o da cantería, con longa tradición en Galicia e que, grazas á formación altamente profesionalizada da Escola, xa traspasou as nosas fronteiras.
PREINSCRICIÓN
Poderán preinscribirse todas as persoas menores de 35 anos interesadas en recibir a formación de cantería ou mestría canteira e que estean en posesión do título de graduado escolar ou equivalente. A preinscrición poderá levarse a cabo a través da web: www.escoladecanteria.depo.es, onde están dispoñibles as materias que forman parte do itinerario formativo, así como os horarios das clases. Para calquera dúbida, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 804 100, extensión 42553 ou achegarse á sede da Escola de Cantería na Rúa Illa do Santo, 2, Boavista - Poio.
FORMACION INTEGRAL E TITULACIÓN
A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra ofrece unha formación completa, con materias, ademais de cantería, como modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte, informática e construción. Unha formación eminentemente práctica onde se obtén o título de canteira ou canteiro, expedido pola Deputación de Pontevedra, ao finalizar o primeiro ciclo de estudos de tres anos. A titulación de mestra canteira ou mestre canteiro obteraa aquel alumnado que complete os estudos de formación de segundo ciclo, que consta de dous anos máis.
DIMENSIÓN INTERNACIONAL
Este próximo curso iniciará as súas clases como un dos máis internacionais, xa que dous exalumnos da Escola, Manuel Rial e Francisco Castro Freijo, levan dous meses traballando na restauración do edificio do Capitolio dos Estados Unidos, situado na capital do país, Washington D.C. Este importante contrato prolongarase durante tres anos. É unha mostra do alto índice de inserción laboral do alumnado da Escola de Cantería, con traballos en edificios históricos tan emblemáticos como a Catedral de Santiago, a Sagrada Familia de Barcelona ou a Catedral de Westminster en Londres, ás que hai que sumar obras de arte e conxuntos escultóricos e arquitectónicos en Brasil, México, Arxentina e Panamá, ademais de innumerables obras en puntos de Galicia e do resto da Península.
Relacionadas:
-
Os canteiros de Poio ofrecen os seus servizos para a restauración da Catedral de Notre Dame
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva reclama que a rehabilitación do patrimonio histórico só a fagan persoas tituladas
Por Redacción |
-
Vilaboa homenaxeará o Entroido de Cobres cunha fonte de pedra
Por Redacción |
-
Botou a andar un novo curso da Escola de Cantería
Por Redacción |
-
Impulsan unha campaña de posta en valor da Escola de Cantería de Pontevedra
Por Redacción |
-
Dous canteiros de Pontevedra xa traballan na restauración do Capitolio de Washington
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería elaborará os galardóns da Enxebre Orde da Vieira en Madrid
Por Redacción |