Dous canteiros de Pontevedra xa traballan na restauración do Capitolio de Washington
Por Redacción
Manuel Rial e Francisco Castro Freijo, os dous canteiros de Pontevedra que foron contratados para a restauración do edificio do Capitolio estadounidense, xa comezaron os traballos que están a desenvolver na capital do país, a cidade de Washington D.C.
Os dous canteiros, formados na Escola de Cantería da Deputación, que chegaron á cidade a comezos deste mes, contan cada un cun axudante e amosáronse "encantados" coas tarefas que están a realizar neste emblemático edificio onde se atopan as dúas cámaras do Congreso do país norteamericano.
As obras de restauración, nas que participarán durante os vindeiros tres anos, inclúen a restauración da ornamentación de pezas de mármore, pedra caliza e granito do Capitolio e das construcións da contorna.
Manuel Rial, ademais de alumno, tamén foi docente na Escola de Cantería e realizou obras icónicas como o porco de bronce de Lalín ou a restauración do rosetón das ruínas de Santo Domingo. Pola súa banda, Francisco Castro participou en obras como as de restauración de varios cruceiros do conxunto histórico de Combarro, en Poio.
Con estes traballos no Capitolio, sinalou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, "elevan uns currículos que xa amosaban dabondo o seu altísimo nivel e estou segura de que lles abrirá moitísimas portas a nivel internacional".
Silva amosa "o enorme orgullo que supón para a Escola de Cantería e para todas as persoas que formamos parte da Deputación" o feito de que "dous dos artistas da pedra que se formaron na nosa escola estean a traballar na restauración dun edificio histórico", un dos principais atractivos turísticos de todos os Estados Unidos.
Ademais, antigo alumnado da Escola de Cantería da institución provincial forma parte tamén dos equipos de restauración doutros emblemáticos edificios históricos como son a Sagrada Familia en Barcelona e a Catedral de Santiago de Compostela, o que evidencia unha vez máis a calidade da escola á que Carmela Silva non dubidou en cualificar como "a mellor do mundo".
Relacionadas:
-
Os canteiros de Poio ofrecen os seus servizos para a restauración da Catedral de Notre Dame
Por Oskar Viéitez |
-
A Escola de Cantería de Poio morre por falta de homologación: 11 alumnos e un millón de euros de gastos anuais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un ex alumno da Escola de cantería traballará na rehabilitación do Palacio de Westminster e do Big Ben
Por Redacción |
-
Unha das dez mellores universidades de Xordania interésase pola Escola de Cantería
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería busca o próximo Mestre Mateo
Por Noticia patrocinada |
-
Contratan dous canteiros pontevedreses para a restauración do edificio do Capitolio, en Washington
Por Oskar Viéitez |