A explosión festiva de San Roque arranca en Vilagarcía
Por Redacción
As Festas de San Roque arrancan este xoves cunha explosión de actividades que encherán de bulicio as rúas da cidade dende a mañá á noite. Cos pratos principais da animación de rúa das sesión matutinas e vespertinas do Festiclown, a lectura do pregón a cargo de David Seijo, a ofrenda floral e o concerto de "Presumido", o programa inclúe outras moitos cousas, como o curso de clown ou unha edición especial da Mesa das Verbas.
Aínda que a semana grande das festas vai do 10 ao 20 de agosto seguirá habendo actividades culturais, musicais e de lecer ata o domingo 27 de agosto.
O Festiclown inaugúrase cunha intensa axenda que, aparte do curso Formaclown, inclúe unha intervención social matutina cos nenos do campamento urbano municipal. O Desclowntrol nas rúas terá un primeiro pase ás 12 horas e outro ás 20 e correrá a cargo da compañía colombiana Tchyminigagua, que porá en escena o espectáculo "Futurismo galáctico". As 21:30 horas, a Praza de Galicia acollerá a primeira das actuacións da Mostra Internacional co espectáculo "Máis alto aínda" do dúo hispano británico Desastronauts.
A Praza de Ravella será o escenario, a partir das 21:30 horas, da sesión especial da Mesa das Verbas coa colaboración de Os Terribles de Arousa, Jose Luis Barreiro e Victor Castro e os seus sobriños
O acto oficial de inicio das festas terá lugar ás 20.30 horas no Concello, coa lectura do pregón a cargo de David Seijo. A continuación, 25 colectivos sociais e asociacións culturais, musicais e deportivas do municipio desfilarán pola cidade ata chegar ao adro da igrexa parroquial Santa Baia de Arealonga para realizar as súas ofrendas ao santo patrón.
O último acto do día será o concerto no Parque da Xunqueira onde, a partir das 23:00 horas, actuará a banda galega "Presumido".