Unha muller queda atrapada baixo un muro cando manexaba un tractor en Portas
Por Redacción
Unha muller sufríu diversas contusións despois de que o tractor que manexaba cando traballa na súa leira particular en Portas impactara contra un muro que se derrubaba sobre ela, quedando atrapada.
O suceso rexistrábase ao redor das 18.15 horas deste luns 8 no lugar de Quenlla, segundo informaban os bombeiros do parque comarcal do Salnés. O servizo do 112 Galicia poñíase en contacto cos técnicos sanitarios do 061-Urxencias Sanitarias, os Bombeiros do Salnés, os efectivos do GES de Valga, Protección Civil de Portas e a Garda Civil, ademais de Protección Civil de Cuntis.
Os primeiros en intervir foron veciños da zona, que lograron extraer á muller debaixo das pedras do muro, antes da chegada da dotación dos Bombeiros do Salnés.
A muller atopábase consciente e sufría diferentes feridas no corpo. Foi trasladada por unha ambulancia medicalizada a un centro hospitalario de Pontevedra para a súa exploración.