Case 600 persoas asisten á estrea do XantaCaldelas
Por Redacción
Un total de 561 comensais participaron na primeira edición do XantaCaldelas, a comida popular organizada polo Concello como exaltación da convivencia entre o colectivo de emigrantes e a veciñanza do municipio. A afluencia superou todas as previsións supuxo unha ocupación practicamente total da Alameda.
A idea xurdiu da proposta formulada ao goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) por parte de emigrantes que están a pasar as súas vacacións e laiábanse das dificultades para localizar aos veciños ou amigos da súa terra.
O alcalde, Andrés Díaz, celebrou que moitas das persoas asistentes chegaran en grupos, pois esa era precisamente a idea, ademais de propiciar o encontro con outras persoas nun evento pensado e concibido para a exaltación dos lazos por enriba da distancia.
Ponte Caldelas é un municipio con fortes vínculos cos países tradicionais da emigración galega, e moi especialmente con Brasil ou México, pero tamén con nacións europeas. Moitos deles retornan, especialmente durante o mes de agosto, para gozar da súa terra. Era necesario, subliñan dende o equipo de goberno, crear un evento así.