O CHOP despide a 17 estudantes norteamericáns en prácticas
Por Redacción
O Complexo hospitalarios de Pontevedra despediu esta semana á derradeira quenda de 17 alumnos dun total de 50 estudantes de Pre-Medicina -procedentes de diferentes estados norteamericáns- que desde o pasado mes de xuño realizaron prácticas universitarias en centros sanitarios públicos do Sergas en Pontevedra.
Por segundo ano consecutivo, a formación destes alumnos universitarios de Pre-Medicina na cidade do Lérez foi posible grazas ao Proxecto Atlantis, un programa de prácticas de observación en hospitais e centros de Atención Primaria para facilitar e fortalecer os vínculos entre os futuros médicos e investigadores de Estados Unidos e os profesionais sanitarios de Pontevedra.
Os estudantes realizaron as súas prácticas nos servizos de Cirurxía Xeral e Dixestiva, Uroloxía, Anestesioloxía, Otorrinolaringoloxía, Medicina Interna, Traumatoloxía, Dixestivo, Ciruxía Vascular e Cardioloxía no Hospital Montecelo, e Pediatría e Xinecoloxía no Hospital Provincial, así coma no centro de saúde de A Parda.
Froito dos bos resultados desta experiencia en 2016, nesta segunda participación no programa incorporáronse este ano como novidade os servizos de Cirurxía Vascular, Pediatría e Traumatoloxía do CHOP.