O PP critica que os veciños de Caritel sigan sen contar cun acceso para vehículos de emerxencias
Por Redacción
O voceiro do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, explicou que na noite do xoves, un camión de bombeiros non puido acceder a sufocar o lume nunha vivenda abandonada no lugar de Caritel, na parroquia de Lourizán polo que tiveron que chamar a outro vehículo máis pequeno para poder así sufocar o lume.
"Esta é a consecuencia da falta de xestión e abandono ao que ten sometido o Goberno de Lores a estes veciños", lamentou.
"Hai moito tempo que vimos advertindo desta precaria situación no lugar de Caritel, pero o BNG de Lores fai oídos xordos", engadiu Moreira.
Dende hai anos, os veciños desta zona están a solicitar ao Concello de Pontevedra un acceso digno para o lugar polo que poidan pasar os distintos vehículos de emerxencia, o PP presentou unha moción hai dez meses e dende entón o Goberno local "apela a uns supostos informes para non seguir adiante con ela".