Cinema, circo, gastronomía, música e bicicleta para iniciar agosto en Sanxenxo
Por Redacción
Este xoves 3 ás 22.00 horas na Praza dos Barcos de Sanxenxo iniciaranse diversas actividades para este arranque de agosto na vila turística. O grupo Piscore ofrecerá un espectáculo cómico-musical baixo o título de 'Concerto Singular' no que a través do virtuosismo e a estética ofreceranse gags xestuais moi divertidos.
Durante o venres 4, os máis entusiastas do mundo fílmico teñen a opción de 'Cinema na rúa', coa proxección de 'Nacida para ganar'. A proxección será ás 22.00 horas na Carballeira de Noalla. En caso de choiva trasladarase á Casa Social Forestal As Canteiras.
Se se prefire o circo, o Parque do Espiñeiro en Portonovo acolle ás 22.00 horas un espectáculo de Alas Circo Teatro.
Xa o sábado 5, as propostas de lecer comezan ás 17.00 horas na Praza do Mar cun torneo de billarda, organizado pola asociación Escobateas. Trátase dun xogo popular que consiste en golpear cun pau a outro pau máis pequeno e lanzalo o máis lonxe posible.
Durante a noite, ás 22.00 horas desenvolverase outra sesión de Cinema na rúa. En Vilalonga proxectarase 'Cuerpo de elite' mentres que en Bordóns, na Praza Manuel Cortés, tamén ás 22.00 horas, ofrécese 'Unha nai imperfecta'.
O domingo 6 terá lugar a Festa da Bicicleta en Vilalonga. Para participar será necesario inscribirse ás 09.30 horas no Campo de festas. Ás 10.00 iniciarase a carreira, que finalizará no Revel, con xogos para todas as idades. Realizaranse sorteos e entregaranse os premios entre os participantes.
A partir das 22.00 horas, na Bouza, Dorrón, a Banda de Música de Sanxenxo ofrecerá un concerto.
Ao longo de todo o fin de semana, Montalvo será o escenario escollido para a XXVIII edición da Feira Gastronómica de produtos galegos, organizada pola asociación cultural San Cayetano de Arra.