Constrúen un muro de contención para facilitar o paso de vehículos en Santana
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de executar as obras dun muro de contención que serve para consolidar o terreo no bordo dunha pista municipal no barrio de Santana, en Buchabade, unha actuación que responde a unha petición veciñal e coa que se facilita o paso de vehículos e se resolve o problema dunha finca particular.
Esta obra forma parte do plan de actuacións que o goberno local está a desenvolver por todo o municipio atendendo peticións veciñais. Segundo explicou o Concello a través dun comunicado, estaba sendo demandada dende hai moito tempo e o actual equipo de goberno decidiu buscar unha solución.
O alcalde, Andrés Diaz, visitou as obras de execución do muro de contención e tamén aproveitou para subliñar que todas as peticións xustificadas están a ser atendidas progresivamente.
O rexedor recorda que no Concello de Ponte Caldelas as pequenas obras se pactan e se acordan nas asembleas que o goberno local celebra cos habitantes en cada un dos 33 núcleos de poboación, "sen ningún tipo de intermediarios ou conseguidores", con diálogo directo entre os veciños e os seus representantes municipais.