Bueu aproba os orzamentos 2017, inclúen 5,7 millóns en gastos
Por Redacción
O Concello de Bueu aprobou os orzamentos do ano 2017, que, segundo sostén o goberno local, demostran a boa evolución financeira da administración local nestes últimos anos, sobre todo dende que no 2012 se aprobara o plan de axuste.
As contas xerais ascenden a 5.750.000 euros en canto a ingresos e 5.705.000 de gastos e aprobáronse este venres nunha sesión plenaria extraordinaria, segundo indicou o Concello a través dun comunicado.
O concelleiro de Facenda, José Inocente García Cuervo, destacou que o exercicio do 2016 se pechou cun superávit de 500.000 euros e nese ano reduciuse o remanente negativo en máis da metade. Así mesmo, o período medio de pago a provedores sitúase en 21,43 días, e a débeda financeira en arredor do 20%.
O alcalde, Félix Juncal, resaltou a mellora financeira e a proposta destes orzamentos "realistas e rigorosos, que teñen como base a evolución do último ano".
A proposta foi aprobada cos votos a favor do BNG, e coa oposición do PP e máis do PSOE. Agora, o documento cos orzamentos estará en exposición pública durante 15 días hábiles para a presentación de posibles alegacións por parte da cidadanía. No caso de que nese período non existan reclamacións, o orzamento aprobarase xa definitivamente.