Bueu aproba os seus orzamentos 2016, que inclúen 315.000 euros para rehabilitar o estaleiro de Banda do Río
Por Redacción
O pleno da corporación de Bueu aprobou na súa sesión deste luns os seus orzamentos para 2016, que ascenden a 6.774.875 euros, e que, en opinión do alcalde, Félix Juncal, demostra a "boa saúde económica e financeira do Concello, coa mellora de servizos e de novas infraestruturas".
Neste orzamento xa se inclúe a partida da Deputación de Pontevedra, no marco do Plan Concellos, coa que se destinarán 315.000 euros á rehabilitación da primeira fase do estaleiro da Banda do Río e 120.000 euros á adquisición dunha varredora.
O concelleiro de Facenda, José G. Cuervo, explicou que, en canto a gastos, as partidas máis importantes destínanse a persoal (2.855.389,85 euros), servizos (1.933.517 euros), transferencias correntes (750.095 euros), investimentos reais (951.546 euros) e ao fondo social (10.000), destinado aos traballadores municipais e unha das principais novidades que se agarda sexa complementado nos vindeiros anos.
En canto aos ingresos, o Concello recadará 2.601.908,94 euros en impostos directos, 1.999.246 euros en IBI urbano, 470.000 euros en vehículos e 102.000 euros no imposto sobre actividades económicas. Outras partidas de ingresos terán que ver cos impostos indirectos, as taxas, as transferencias correntes, e as transferencias de capital.
Ademais, as previsións do orzamento estiman que neste exercicio serán amortizados 253.000 euros de débeda, polo que quedaría pendente pouco máis dun millón de euros, e en seis anos o Concello vería saldada a súa débeda.
Outro dos temas importantes que se aprobou foi o catálogo de persoal do Concello de Bueu, que contou cos votos a favor do BNG, as abstencións do PP, e os votos en contra de PSOE e ACB-SON. Con todo, e tal e como anunciou o alcalde de Bueu, este catálogo ten carácter provisional xa se está elaborando unha proposta de RPT (Relación de Postos de Traballo).
Relacionadas:
-
Costas autoriza a segunda fase do estaleiro da Banda do Río
Por Redacción |
-
Reanúdanse as obras de rehabilitación do estaleiro da Banda do Río
Por Redacción |
-
Bueu aproba os orzamentos 2017, inclúen 5,7 millóns en gastos
Por Redacción |
-
Portos retarda as obras do serradoiro da Banda do río
Por Redacción |
-
Bueu recibirá máis de 100.000 euros para seguir rehabilitando o Estaleiro da Banda do Río
Por Redacción |
-
Bueu, Moraña, Portas, Ribadumia e Campo Lameiro reciben novas axudas da Deputación
Por Alejandro Espiño |