Os traballadores de Cespa-Ferrovial quéixanse das deficiencias con que realizan o servizo de limpeza de Pontevedra
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O comité de Cespa-Ferrovial Pontevedra denuncia as deficiencias que están a afectar ao servizo de recollida e limpeza viaria durante os últimos meses. Indican que numerosa maquinaria atópase avariada ata o punto de que só sae unha máquina á rúa das tres varredoras e cinco lava-beirarrúas que ten a empresa. Incluso os representantes dos traballadores aseguran que nunha semana de xuño non chegou a traballar ningunha.
Dos tres camións-cuba para valdear, dous levan case dous anos avariados, afirman sinalando que o terceiro, no últimos tres meses, sae de forma descontinua. Ante esta situación, os representantes sindicais apuntan que o lava-colectores leva anos con problemas, facendo que as súas saídas sexan moi esporádicas.
Con todo, o compromiso da empresa adxudicataria do servizo de limpeza co Concello de Pontevedra é lavar os recipientes cada 15 días no verán e unha vez ao mes no inverno. Os representantes dos traballadores indican que non é saudable traballar con lixos nestas condicións.
En canto ao persoal, manifestan que non se están cubrindo as baixas nin as vacacións. A recollida selectiva na semana do 26 ao 30 de xuño, só se fixo nas rúas máis céntricas por non cubrir a ausencia do condutor habitual deses percorridos, afirman desde o comité que denuncian que na quenda de mañá chegaron a saír dous operarios de limpeza dos oito establecidos ao servizo, repartíndose o traballo de toda a cidade.
Os representantes sindicais expresan a súa preocupación porque estas situacións incrementan a carga de traballo do persoal que está a levar a cabo o seu labor, que se ve obrigado a incrementar a súa xornada laboral e saltándose incluso o seu tempo de descanso. Ademais, recoñecen que no rural está a prestarse un servizo en precario, sen que se faga unha recollida continuada de papel, vidro e plástico. Sinalan que os colectores de recollida sólida urbana carecen de rodas e iso leva un maior esforzo para os traballadores á hora de desprazalos con carga.
O comité de empresa expresa que, ante estas carencias, Cespa-Ferrovial alega que carece de contía económica para a renovación de maquinaria.
Tras coñecer estas denuncias, a través dunha comunicación do propio comité de empresa, a concelleira responsable deste servizo, Carme da Silva, informou que solicitará unha reunión formal cos representantes dos traballadores para falar destas presuntas irregularidades.
A data pecharase en función das axendas de todas as partes. A continuación, a concelleira solicitará tamén unha reunión á empresa.
Relacionadas:
-
Lagares Oca "guiará" o proceso para licitar o novo contrato de recollida de lixo
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello manterá unha xuntanza con Cespa-Ferrovial tras coñecer as queixas do persoal
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O PP culpa a Lores de prorrogar o servizo de limpeza sabendo que as máquinas estaban obsoletas
Por Redacción |