O Supremo pecha a porta ás aspiracións dos expropiados por Pasarón
Por Redacción
O Tribunal Supremo pechou a porta á vía xudicial aberta en relación co proceso de expropiacións realizado na contorna do estadio de fútbol de Pasarón. Os propietarios de dúas propiedades expropiadas para poder realizar as obras de reforma presentaron un recurso ante o Alto Tribunal, pero este decidiu non admitilo a trámite, de modo que, en principio, non lles caben xa máis posibilidades de seguir reclamando.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmara a valoración que o Xurado de Expropiacións realizara das propiedades cuxos donos chegaron a xuízo. Tras esa confirmación, os propietarios que chegaran ao TSXG decidiran seguir cos recursos presentando un no Supremo.
O portavoz do goberno local, Raimundo González, deu a coñecer este luns a decisión do Supremo, de modo que se confirma o valor das propiedades fixado polo Xulgado de Expropiacións, ratificado polo TSXG e que o Concello xa pagou.
Unha veciña que tiña un piso e un terzo doutro entre os expropiados para Pasarón reclamaba 485.000 euros, pero o xurado fixou o valor en 285.000 euros. O propietario doutro piso pedía 357.000 euros e o prezo fixado quedou en 159.000.
EXPROPIACIÓNS XULGADOS A PARDA
Raimundo González tamén deu conta de dúas resolucións que afectan a outro proceso expropiatorio, neste caso, o realizado para a construción do novo edificio xudicial da Parda. Dous veciños afectados acudiron ao xulgado reclamando o pago de intereses e recibiron unha confirmación parcial dos mesmos.
Así, o Concello deberá pagarlle en concepto de intereses polas expropiacións 343 euros a un propietario e 472 a outro.