Cultura destina 61.000 euros para a mellora da fachada e da cuberta da Igrexa do Porto en Marín
Por Redacción
Desde principios de xuño acométense na Igrexa de Santa María do Porto, en Marín as obras para a mellora da fachada e da cuberta deste edificio relixioso. Este sábado, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitaba as instalacións para comprobar in situ o desenvolvemento destas obras de restauración que se están levando a cabo na tamén coñecida como Igrexa Vella de Marín. A Xunta investiu nestas obras preto de 61.000 euros.
A alcaldesa María Ramallo e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua tamén asistiron á visita.
As obras céntranse en eliminar as filtracións de auga co obxectivo de mellorar a ventilación do templo. Para levar a cabo estes traballos é necesario levantar a tella actual e reparar as xuntas da cuberta, reparar os beirados, ademais de impermeabilizar o piso exterior do campanario e substituír as carpinterias de formigón por outras de aceiro inoxidable. Espérase que os traballos finalicen no mes de setembro.
A Igrexa Vella de Marín data do século XVIII e o Priorado de Oseira ordenou a súa construción. Na súa interior conta con seis retablos, de estilos barroco e neoclásico. Atópase incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.