O domingo desenvólvese unha ruta por Arufe, a aldea abandonada onde os canteiros deixaron rastro
Por Redacción
Cotobade acolle este domingo, entre as 10.30 horas e as 14.00 horas, a segunda das cinco rutas etnoarqueolóxicas que o departamento de Cultura da Deputación puxo en marcha dentro das actividades relacionadas co Ano do Patrimonio.
Nesta ocasión, o tema central será a cantería, cun percorrido pola aldea abandonada de Arufe, na que se conservan numerosas pegadas dos traballos realizados en casas tradicionais e en construcións típicas do rural como hórreos ou pombais.
Jorge Cubela, presidente de Cerdedo-Cotobade, e o deputado de Cultura, Xosé Leal, presentaban este mércores esta actividade. A ruta partirá da Casa do Concello, en Carballedo, ás 10.30 horas e discorrerá por un percorrido circular de 7 quilómetros de dificultade baixa. O arqueólogo Fran Alonso será o encargado de guiar ao grupo e ao final do percorrido, o canteiro Marcos Escudero realizará unha explicación técnica sobre elementos de cantería.
A visita é gratuíta pero é necesario inscribirse no teléfono do Concello: 986.760.001, extensión 3.