Cultura cofinanciará o acondicionamento das pontes históricas de Almofrei e San Lourenzo
Por Redacción
A Consellería de Cultura e Educación comprometeuse a cofinanciar o acondicionamento das pontes históricas de Almofrei e San Lourenzo do Concello de Cerdedo-Cotobade tras a xuntanza mantida polo presidente e o vicepresidente, Jorge Cubela e José Balseiros, co titular autonómico, Román Rodríguez.
A mellora destes dous grandes valores patrimoniais é un dos grandes obxectivos culturais do goberno local.
Cultura reportará 20.000 euros para a rehabilitación da ponte de Almofrei e outros 14.000 para o arranxo do punto de paso de San Lourenzo, na estrada que une a parroquia cotobadesa de Augasantas co veciño municipio da Lama.
Así mesmo, nesta xuntanza abordáronse as recentes actuacións acometidas no colexio público San Xoán Bautista de Cerdedo que permiten deixar o recinto en perfectas condicións para o vindeiro curso académico.