Volven as noites de venres do Caldelas Tapas
Por Redacción
O concurso gastronómico Caldelas Tapas volverá este venres a dinamizar a hostalería de Ponte Caldelas. O certame, que se celebra durante este mes de xullo, estreouse o pasado día 29 cunha cifra récord de máis de 2.000 tapas vendidas tan só nesa primeira xornada. O pasado venres quedou aprazado por mor da coincidencia coa Festa Gastronómica da Emigración que acolleu a vila.
Un total de 16 locais participan na iniciativa do Concello, o que supón a maior inscrición nos tres anos que van de concurso. A meirande parte deles están no centro urbano, pero tamén hai algúns situados nas parroquias. En todos eles é posible degustar a tapa, cunha bebida básica, ao prezo unitario de 2,50 euros.
O cartel do concurso serve de guía e roteiro a unha clientela que, durante as noites de venres que quedan neste mes de xullo, irá degustando as especialidades que ofrece cada local. De manterse este ritmo todo indica que se superarán moi folgadamente as máis de 5.000 tapas consumidas na segunda edición.
O goberno local tripartito fai un chamado a todos os locais para que incrementen as existencias diante do sucedido na primeira noite do concurso, cando moitos quedaron sen tapa pouco despois das 22 horas. Nalgúns locais superáronse as 300 unidades vendidas.
Os participantes deste ano son O Recanto (Sorpresa de cortello), Tapería Klimbim (Vaca do Verao), Pastelería Acuña (Dolce Salatto), Pastelería Pecas (Bocado de Verano), Cervexaría Alameda (Delicias de Solomillo), Verdugolandia (Bocado Sorpresa), Café Fidel (Fidel Tacos), Restaurante 501 (Mouse de pemento amarelo con polbo), Bar Puente (Tosta de atún), Bar Bora Río (Degustación de carne do Suído), La Cucharita (Codillo Cucharita), Tapería Alalá (Nidos de mar), Asador del Chavo (Espetada de solombo ao aroma de vermut con puré de pataca violeta), Albergue Jamarte (Montadiño de guiso de tenreira aoMencía), Bar Parada (Polo con Tallaríns) e a Cafetería Aries (Tentación de Verán).