Piden 18 anos de prisión para un home acusado de violar e maltratar á súa parella
Por Redacción
A Audiencia xulgará o vindeiro xoves 13 de xullo un home que está acusado de obrigar á súa parella para manter relacións sexuais en contra da súa vontade. Para a Fiscalía trátase dun delito continuado de violación e malos tratos habituais, polos que solicita para el 18 anos de prisión e a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima.
Segundo o escrito de acusación, a parella mantivo unha relación sentimental durante cinco anos e tiveron un fillo en común. Tras a ruptura, a muller seguiu vivindo no domicilio que ambos compartiran. Foi alí, relata o fiscal, onde se produciron estes episodios.
Durante o mes que ela permaneceu nesa vivenda, cada vez que o acusado presentábase en casa, "coa intención de dobregar a súa vontade e dominala", obrigaba á muller para manter relacións sexuais en contra da súa vontade. Aínda que ela negábase "abertamente", el facía uso da forza para conseguir violala.
O fiscal explica que "por temor ás súas represalias" a muller non o denunciou. Ademais, o acusado adoitaba intimidar á súa ex parella de forma violenta, chegando a agredila fisicamente e ameazándoa con matala se chegaba a vela con outra persoa.
O último episodio, segundo a denuncia da vítima, produciuse cando a relación xa estaba rota e a convivencia cesara. Tras mandarlle unha mensaxe para que fóra a buscar ao neno ao colexio, o acusado levouna a un lugar illado e obrigouna de novo a manter relacións sexuais en contra da súa vontade.
Unha vez que terminou, relata o fiscal, o acusado volveu reaccionar violentamente contra ela, agarrouna polo pescozo e fixo un simulacro de pegarlle, reténdoa durante unha hora para atemorizala e facerlle desistir da súa vontade de denuncialo.
Xunto coa pena de cárcere, quince anos por un delito continuado de violación e tres anos polos malos tratos, a Fiscalía solicita que o home non poida achegarse a menos de 300 metros nin comunicarse coa vítima durante 25 anos.
Ademais, reclama que se decrete liberdade vixiada tras saír de prisión durante cinco anos, tempo no que deberá asistir a un programa de educación sexual e a outro relacionado coa violencia machista, e que indemnice á súa ex parella con 120.000 euros.