Suspenden o xuízo contra un acusado de violar e maltratar a súa ex ao sufrir unha anxina de peito a noite antes
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra viuse obrigada a suspender un xuízo previsto contra un home acusado de malos tratos habituais e dun delito continuado de violación por agredir á súa ex parella e obrigala a manter relacións sexuais en contra da súa vontade no domicilio no que conviviran co fillo que teñen en común e nunha pista forestal de Barrantes, en Ribadumia. O motivo da suspensión é a enfermidade do acusado a noite previa á vista oral.
O xuízo estaba previsto para este xoves, pero á primeira hora da mañá as partes acudidas tiveron coñecemento de que tan só unhas horas antes sufrira unha anxina de peito e á hora prevista para a vista estaba ingresado no Hospital do Salnés, de modo que se suspendeu e vaise celebrar o día 14 de novembro.
En todo caso, a Fiscalía, a acusación particular e a defensa do acusado están a tentar chegar a un acordo de conformidade que evite a celebración do xuízo. Segundo explicou a avogada da vítima, María Dolores Salgueiro, unha condición innegociable para que se chegue a ese acordo é que o acusado recoñeza os feitos e, en conreto, a agresión sexual.
Previamente a esa acordo, que podería reducir a condena do procesado, tanto o fiscal como a acusación particular piden que o home, J.M.L.M., sexa condenado a 18 anos de prisión, 15 polo delito continuado de violación e tres polos malos tratos habituais,e ao pago dunha indemnización á súa vítima de 120.000 euros.
Ademais, piden ao tribunal que lle impoña a prohibición de achegarse a menos de 300 metros da súa vítima e comunicarse con ela por calquera medio durante 25 anos polo primeiro delito e oito polo segundo, unha medida de liberdade vixiada e a obriga de realizar un programa de educación sexual e un programa relacionado coa violencia contra a muller durante 5 anos.
O acusado e a súa vítima mantiveron unha relación durante cinco anos e tiveron un fillo en común. Tras a ruptura en agosto de 2015, ela seguiu na que fora a casa familiar durante un mes, ata que ela marchou a casa dos seus pais. Durante ese tempo, a Fiscalía sostén que el obrigouna a manter relacións sexuais plenas en contra da súa vontade, sen atender á súa oposición expresa. Ela negouse a facelo abertamente, dicíndolle expresamente que non quería, pero el obrigouna e ela non opuxo máis resistencia por medo a represalias.
Esas relacións sexuais forzadas ocorreron primeiro no domicilio que compartían, no que el obrigouna ameazándona con "te mato, te barro si te veo con otro; si te veo con alguien le voy a pegar o a matar" ou dicíndolle que "si gritaba la iba a callar para siempre" á vez que alzaba o puño.
Cando a súa relación xa estaba definitivamente rota e cesara a súa convivencia, un día esixiulle que fora buscar o neno ao colexio "soa" e, despois de recoller ao seu fillo no colexio de Ribadumia e deixalo en casa dos avós, obrigouna a ir tras el en dirección a Barrantes, saíu da estrada por unha pista que conducía a un lugar illado e obrigouna de novo a manter relacións en contra da súa vontade no coche.
A avogada da vítima asegura que a súa clienta leva os últimos case dous anos a tratamento psicolóxico, pois "non é unha situación fácil da que se poida saír facilmente". Ademais, insiste en que "hai cousas que nin o tempo nin os cartos nin a condena que poida existir vai saldar ese dano sufrido".