O TSXG da a razón á CIG-Ensino fronte a Defensa pola praza no colexio Salvador Moreno
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallou a favor dos intereses do sindicato CIG-Ensino na denuncia polo acceso a unha praza no colexio Salvador Moreno de Pontevedra.
O colexio, situado na rúa Rosalía de Castro, era xestionado ata o curso pasado por unha congregación relixiosa pero a falta de persoal levou a cambiar esa xestión para levala directamente a Armada.
A Subdelegación de Defensa en Pontevedra para contratar profesores non fixo pública a convocatoria a pesar de ser unha administración pública e esixiu aos aspirantes a unha praza de Educación Primaria o requisito de estar en posesión da Declaración Eclesiástica de Competencia Académica (DECA), un certificado que só é estendido pola Igrexa para acreditar a profesores de relixión.
Segundo informa o sindicato, o alto tribunal galego entende que neste caso existiu unha "vulneración dos principios de igualdade, mérito e capacidade e de liberdade ideolóxica no sistema de acceso".
"É inconcibible que no século XXI o Ministerio de Defensa continuara da man da Igrexa católica pretendendo saltar as normas que rexen para toda a cidadanía, e esixindo requisitos de idoneidade da igrexa católica para impartir aulas nun centro pagado con diñeiro público", valorou a CIG.