Un lume arrasa o teito dun galpón anexo a unha vivenda nos Praceres
Por Redacción
Un incendio arrasou na mañá deste luns o teito dun galpón anexo a unha vivenda no lugar Dos praceres, na parroquia de Lourizán.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, un particular deu alerta do incendio ás 10.04 da mañá e foron derivados ao lugar axentes da Policía Nacional, funcionarios do Corpo de Bombeiros e Protección Civil de Pontevedra. Está ubicado nas proximidades do colexio Sagrado Corazón dos Praceres.
Os Bombeiros de Pontevedra indicaron que se trata dun galpón anexo a unha vivenda de planta baixa na que viven dúas persoas, pero non foi necesario desaloxala porque os dous moradores xa a abandonaran por iniciativa propia.
As circunstancias do incendio aínda deberán ser investigadas, pero no teito do galpón había varios cables eléctricos colgando, de forma que todo apunta a que puido orixinarse por un curtocircuíto. Queimou o teitou de madeira e fibra de vidro e tamén a uralita.
O dono do galpón controlou o lume co uso dunha mangueira doméstica, pero os bombeiros extinguírono totalmente, arrefriaron os rescaldos e airearon tanto esta construción coma a vivenda anexa, que se encheu de fume.