Xulgan cinco persoas vencelladas a un club de Meis por inmigración ilegal e prostitución
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra acolle o vindeiro martes día 27 un xuízo que sentará no banco a cinco persoas. Están acusadas de participar, dunha ou outra maneira, nunha organización dedicada a favorecer a entrada en España de dúas mulleres procedentes de Brasil para exercer a prostitución e de obrigar a unha terceira a exercer a pesar de coñecer que o facía contra a súa vontade.
O fiscal pide penas entre os catro e os catorce anos de prisión.
Están acusados dos delitos de favorecimiento de inmigración ilegal, trata de persoas con fins de explotación sexual e mantemento na prostitución coactiva.
Entre as persoas acusadas está o dono dun club de alterne situado en Meis, para quen a Fiscalía de Pontevedra solicita penas que suman 13 anos de cárcere. Trátase de C. V. S., a quen o fiscal acusa de ser o titular do establecemento no que se produciron os feitos.
O escrito de acusación apóiase nos feitos descritos por tres testemuñas protexidas que explicaron con detalle todo o ocorrido desde que partiron de Brasil ata que chegaron a Pontevedra para exercer a prostitución neste club.
No caso de dous destas mulleres sosteñen que os acusados se aproveitaron das súas condicións económicas precarias, aínda que ao chegar víronse atadas pola débeda contraída na viaxe e pola súa manutención, a terceira das mulleres asegura ser enganada e obrigada a prostituírse mediante ameazas.