Unha hora de aparcadoiro de balde para facer compras e xestións en Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo aposta por fomentar o consumo no municipio e toma medidas concretas. O aparcadoiro de Nauta, situado no porto deportivo Juan Carlos I, terá custo cero a primeira hora de aparcadoiro co fin de facilitar aos usuarios a realización de compras e xestións.
Segundo avanzou o Goberno local nun comunicado, propoñerá ao Consello de Administración de Nauta Sanxenxo a asunción dunha medida que considera "fundamental á hora de contribuír á reactivación do consumo neste concello". Tal e como explicou o vicepresidente da empresa pública, Salvador Durán, a intención é que a primeira hora de estacionamento no aparcadoiro municipal sexa gratuíta "co que favoreceremos que os veciños e visitantes poidan realizar comodamente as súas compras ou as súas xestións, sen ter que estar preocupados do aparcamento".
Con iso, o Executivo sanxenxino pretende tamén apoiar aos establecementos emprazados no espazo xestionado por Nauta "que veñen apostando polo porto deportivo como zona comercial". Esta iniciativa, da que o equipo de Goberno dará conta o martes á Mesa Local de Comercio, estenderase ao longo dos meses de tempada baixa, de luns a domingo de 8.00 a 23.00 horas, quedando excluído os períodos vacacionais, que rexistran unha maior afluencia de turistas.
"Somos conscientes da difícil situación que estamos a vivir e dende as Administracións públicas debemos poñer os medios ao noso alcance para contribuír a potenciar a actividade económica", subliñou Salvador Durán quen recordou que Nauta Sanxenxo xa puxo a disposición en febreiro de 2010 do Centro Comercial Urbano Entretendas a posibilidade de adquirir tíckets de aparcadoiro co 50% de desconto para regalárllos aos clientes que efectúen compras nos establecementos asociados.
O edil recordou ademais que as tarifas do aparcadoiro situado baixo a Praza do Mar son das máis baixas da provincia dado que o minuto ten un custo de 0,026 euros. Á súa vez, a sociedade pública ofrece bonos de estacionamento fóra do período estival por 31,30 euros mensuais, ademais de reducións por longa estanza.