En liberdade o detido en Vilaboa por enaltecemento do terrorismo
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Tres independentistas galegos, vinculados a Ceivar, foron detidos este mércores en varias localidades de Galicia, entre elas a pontevedresa de Vilaboa, no marco dun operativo baixo a dirección do Xulgado Central de Instrución número 6 da Audiencia Nacional, por varios delitos de enaltecemento do terrorismo e xustificación da actividade da organización terrorista Resistencia Galega.
Pola tarde todos eles foron postos en liberdade, pero seguen en calidade de investigados.
A organización independentista Causa Galiza informou que o detido en Vilaboa trátase de Ugio C., o mozo que o 23 de xullo do 2005 foi acusado de colocar un artefacto explosivo na oficina de Caixa Galicia na praza de Galicia de Santiago.
A Garda Civil detivo os tres de forma simultánea e os axentes tamén procederon a practicar rexistros nas súas vivendas. A de Ugio C. está no lugar da Graña, en Vilaboa.
Segundo fontes do Ministerio de Interior, os tres detidos ocupaban postos de dirección dentro da organización Ceivar, desde onde organizaban os actos de propaganda e exaltación da organización terrorista Resistencia Galega e dos seus membros.
As investigacións iniciáronse por mor das detencións efectuadas pola Garda Civil, en outubro de 2015, no marco da "Operación Jaro", que se saldou con nove persoas detidas por integración en organización terrorista e enaltecemento do terrorismo. A operación deste mércores, "Jaro II", é a continuación da primeira.
As investigacións continúan abertas e non se descartan novas actuacións.
COMUNICADO DE CAUSA GALIZA
Co gallo desta operación, a organización independentista Causa Galiza denunciou a "insistencia" da Garda Civil na "criminalización e persecución" do independentismo galego, movemento que está sufrir, segundo sinalan nun comunicado, "detencións periódicas, procesos penais de excepción, represión administrativa e económica sistemática, vixilancia e seguimentos policiais, acoso laboral e incluso a prisión".
Causa Galiza entende que esta "estratexia represiva" busca envolver o independentismo galego "nun bucle eterno sen saída", imposibilitando a intervención social e unha política "normalizada" que permita avanzar "con paso firme" cara a independencia de Galicia.