A Policía Local de Poio colabora con Tráfico na campaña de controis de droga e alcohol ao volante
Por Redacción
Axentes da Policía Local de Poio están a colaborar ao longo desta semana coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) na campaña sobre control da taxa de alcohol e presenza de droga en condutores.
Segundo os datos que manexa a DXT, o alcohol está presente como factor concorrente ou desencadenamento nun terzo dos accidentes mortais e a súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente viario.
Cunha taxa de alcoholemia de 1.5 g/l, a taxa de incidencia de accidentes de gravidade mortal é aproximadamente 200 veces maior que cando se trata de condutores que non inxeriron alcohol. Á parte do alcohol, case un 11% de persoas conducen tras consumir algunha sustancia que pode afectar a capacidade para unha condución segura.
O aumento dos controis preventivos é un dos factores que está a favorecer un cambio de comportamento dos cidadáns sobre este tema. O Concello de Poio, a través da Policía Local, está a realizar controis en diferentes lugares do municipio de maneira aleatoria, con especial atención á zona da Barca, San Salvador, Campelo, Combarro e Raxó.
A campaña remata este domingo 11 e precisamente os axentes de Poio realizaban controis a primeiras horas da mañá na rotonda da Barca.