A Policía Nacional frustra unha transacción de 2,4 quilos de haxix en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra detivo un home de 28 anos, de orixe magrebí, con domicilio en Zamora e en situación irregular en España, tras comprobar que lle constaba unha orde de expulsión pola Comisaría de Salamanca.
Segundo informaron fontes oficiais da Policía Nacional, os axentes tras efectuar un cacheo de seguridade e unha requisa da súa equipaxe descubriron que portaba 2.435 gramos de haxix distribuído en planchas.
Das actuacións fíxose cargo o Grupo de Tráfico Medio da Comisaría de Pontevedra, podendo pescudar que este individuo xa fora detido por feitos similares no ano 2013 pola Garda Civil, cando transportaba nun autobús 3 quilos de haxix nunha mochila desde Salamanca cara á Coruña, polo que foi condenado e cumpriu pena de prisión no Centro Penal de Topas.
Na mañá do venres día 2 de xuño o detido foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número dous de Pontevedra en funcións de garda quen decretou o seu ingreso en prisión provisional.