Dobre multa ao querer librarse dunha sanción por ter o coche sen seguro
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Cada vez que o guindastre municipal retira un vehículo que comete unha infracción os axentes fan unha inspección rutineira do mesmo. No caso que nos ocupa, o pasado mércores ao facer este trámite, a base de datos revelou que o coche que acababan de enganchar carecía do seguro obrigatorio.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, cando o seu propietario acudiu para pagar a multa e retirar o vehículo exhibiu unha póliza de seguro que acababa de facer esa mesma tarde e que daba cobertura ao turismo.
Ao axente municipal esta prontitude pareceulle sospeitosa, polo que chamou escamado á aseguradora para comprobar os datos. Todo parecía correcto. Desde a compañía infórmanlle que esa mesma tarde procederon por indicación do titular a cambiar o vehículo que tiñan asegurado na póliza contratada.
Sorprendentemente o que agora estaba sen seguro era o coche co que este cidadán acababa de ir pagar a multa do primeiro vehículo que retirou o guindastre. Como di o refrán, desvestiu un santo para vestir outro.
Consecuentemente este segundo coche quedou inmobilizado pola policía á espera de que se regularice a súa situación.