Acepta dous anos de prisión por agredir a un home ao que recriminaba que falara mal del
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenará ao marinense M.C.C. a dous anos de prisión como autor dun delito de lesións por agredir a outro á saída das piscinas municipais de Marín tras recriminarlle que falara mal del.
A Fiscalía pedía inicialmente para el dous anos e tres meses de prisión e estaba previsto que sentase no banco dos acusados este xoves. Con todo, este mércores, tan só un día antes do xuízo, as partes chegaron a un acordo de conformidade que evitou a súa celebración e que lle reduciu a condena.
O relato de feitos que lle atribuía o fiscal, e cos que se conformou, sostén que todo ocorreu o 15 de maio de 2014 sobre as 18.30 horas nas inmediacións da piscina municipal. Abordou un home, recriminoulle as súas palabras e propinoulle varias puñadas na cara e un golpe co xeonllo na boca.
O outro home sufriu erosións e contusións múltiples e tivo tres pezas dentais afectadas, das que unha corre perigo de perdela de forma definitiva.
Ademais da pena de prisión, o fiscal pedíalle indemnizar á súa vítima con 2.650 euros polos días de curación e 1.632,36 euros polo prexuízo estético que lle causou. Finalmente, deberá pagar 700 euros máis de indemnización.